Monday 29 de April de 2024

Os Campamentos de Verán do Concello de Frades acadan un récord de asistentes: 60 nenos e nenas de 4 a 12 anos


Os Campamentos Municipais de Verán do Concello de Frades botan andar cunha cifra récord de participación: 60 nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, cando o máximo que se lograra foran 45 participantes no ano 2019. Unha gran participación que obrigou dende o primeiro momento a repartir á rapazada en pequenos grupos de acordo á idade, cumprindo así unha das numerosas medidas preventivas fronte á Covid-19 que terán que seguir estritamente.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “para facilitar a organización de pequenos grupos para as actividades, os campamentos terán lugar non só nas instalacións do CPI Ponte Carreira, senón tamén no pavillón municipal, no campo de fútbol de Abellá ou na piscina municipal durante os meses de xullo e de agosto”. Haberá todo tipo de actividades: xogos, obradoiros, experimentando coa ciencia, masterchef, xardinería, festas, sendeirismo, piscina, festa da auga, actividades deportivas, contacontos… Todas as actividades realizaranse baixo as máis estritas medidas preventivas fronte á Covid-19.

O Concello de Frades, organizador deste programa de conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares, conta coa colaboración da Xunta de Galicia, do Fondo Social da Unión Europea e da Deputación da Coruña.